Na Costa da Morte estamos dando os primeiros pasos para a constitución da comisión NEAE, co obxectivo de colaborar na necesaria e verdadeira inclusión do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo nos centros de ensino. Certo é que a creación deste grupo pode considerarse non urxente, pois nunca existiu tal colectivo nas nosas comarcas pero, desde o punto de vista da Federación de ANPAs da Costa da Morte e da asociación Aloumiños, si é necesario e importante.
Que pretende ser a comisión NEAE?
A Comisión de Necesidades Específicas de Apoio Educativo (NEAE) pretende ser un grupo de traballo integrado por familias das ANPAs da Costa da Morte, por familias integradas na recentemente constituída asociación Aloumiños e, tamén, por integrantes dos Equipos de Orientación dos centros de ensino da Costa da Morte que colaborarán no asesoramento.
Por quen estará formada?
Esta comisión estará formada por familias con alumnado que presenta algún tipo de necesidade de atención específica (integradas na asociación Aloumiños da Costa da Morte), familias das asociacións de nais e pais de alumnos da Federación de ANPAs da Costa da Morte – que tanto poden contar con experiencias ou son descoñecedores desa realidade diaria – e por profesionais (traballador@s no ámbito do ensino público) da orientación educativa, PT, AL, coidador@s que están a vivir o día a día da realidade das persoas con diversidade funcional e que queiran participar axudándonos a coñecer e comprender a realidade educativa específica.
Dende a diversidade das vivencias neses centros, enténdese que existe un obxectivo común entre as partes, que é a INCLUSIÓN real no eido socioeducativo, a cal vai máis aló da mera integración en centros de ensino ordinario.
Como funcionará?
Baixo un clima de colaboración, afecto e motivación esta comisión farán valoracións do sistema escolar das nosas comarcas en referencia ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo. Tamén se analizarán os textos legais que regulan a súa atención e ás súas familias, compartiranse experiencias e aportaranse ideas de cara a combater o inmobilismo social ou deixadez, ademais de promover a resolución de problemas na intervención para/con alumnado con diversidade funcional.
Formaremos un equipo de traballo que funcione baixo os parámetros da sensibilidade e o tacto pedagóxico, traballando a prol dunha mellor atención a estas pequenas persoas que máis adiante serán cidadáns adultos, autónomos e libres na nosa sociedade.
Podemos colaborar entre tod@s para tod@s!